lunes, 12 de noviembre de 2012

Do castro de Pedrouzos

Conta unha lenda que anda polas terras de Melide que nun castro da zona habia tres minas ou vigas, unha delas era de ouro, outra de prata, e a derradeira de alcatrán; como non se sabe cal é esta, e tocarlle non se pode pois todo canto hai no arredor se queimaría, non se anda en busca das outras dúas.
Neste castro había tamén un señor encantado, e dunha vez pasou por alí unha muller que daba peito. O encanto a quen ninguén vía chamouna para que dese de mamar a un neniño que el tiña e levouna por unha mina moi longa ata unha casa bonitísima. Despois que lle deu de mamar, trouxo o señor unha untura e mandoulle á muller que metese nela os dedos e logo que lle untase os ollos ao neno. Fixoo así, mais ela case sen se dar conta pasou os dedos por un ollo seu e dende entón non vía por el coma os encantos.
Ao outro día era 27 e foi a muller á feira das Cruces de Sobrado e polo ollo que untara viu ao señor do castro que ninguén máis via. En vez de calar e de non facer caso, chamouno anque el non lle falaba.
Ende outro día a muller foi ao castro e díxolle o señor.
-¿Con que ollo me viches na feira?
Ela moustroulle o ollo con cal fora e arrincoullo naquel intre.

2 comentarios:

  1. Copiado literalmente de: http://tradiciongalega.blogspot.com.es/

    ResponderEliminar
  2. Extraido de Lendas galegas de tradición oral, edición de X. M. González Reboredo da editorial Galaxia. Escollin este despois de ler todo o libro.

    ResponderEliminar